Masque de Atelier

Masque de Atelier

Este papaventos é dos históricos, xa no ano 1997 conseguiu o seu primeiro título en competición. Está pensado para figuras de precisión, pero con algo de práctica un pode sacarlle unhas cantas figuras de free.

O papaventos ven coa funda clásica de Atelier, unha funda negra, sen velcros e sen asas, calculada á medida xusta do papaventos. O modelo que comprei é o black and white. Ten unha envergadura de 2’60m, e o seu voo é lento e pausado, ideal para competicións tipo STACK.

Unha das cousas que me sorprendeu deste papaventos é que non leva ningún tipo de peso na espiña. Hai quen aconsella poñerlle algo de peso, eu fíxeno e non notei grandes diferencias, así que prefiro voar sen el.

Ten unha estructura montada con variñas skyshark, 5pt no borde de ataque e 7pt na cruz inferior. A espiña é unha variña skyshark 7pt. A vela é toda de Icarex, con costura inglesa entre os paneis (o que, teoricamente, fará que dure máis). No borde de fuga non leva ningún fío por dentro para darlle tensión, o que fai que con ventos normais e fortes o papaventos ruxa pola vibración do borde de fuga. En principio esa vibración axuda a frealo.

Na páxina de Atelier tiñan enlazado un vídeo do 2002 no que un pode ver o potencial do papaventos: o Trick Clinic en Holanda, o piloto é Mathieu Mayet. Por sorte puiden atopar o vídeo en youtube:

Hai pouco celebrouse nos USA unha Tricksparty, organizada polo SASKC. O gañador (Egan Davis) pilotaba unha Masque: rutina de Egan Davis.

O meu vídeo favorito con este papaventos: a exhibición de Arthur Leclaire no Eurovoiles 2005, ao son do Danubio Azul.

Medidas orixinais da estructura:
Tensavelas: 26,5 cm
Cruz inferior: 82,5 cm SS 7pt
Cruz superior: 62 cm carbono estándar
Borde de ataque: 2 x 82,5 SS 5pt
Espiña: ~97 cm SS 7pt.
Bridas orixinais:
int: 73,5 cm
ext: 60 cm
sup: 64 cm