Proba de lexibilidade

Cheugome itso por coerro:

Sgenudo un etsduio duhna uivenrsdaide ignlsea, non ipmotra a odre na que as ltears etsean ersciats, a úicna csuoa ipormtnate é que a pmrireia e a útlima ltera etsean ecsritas na psiocion cocrrtea. O rsteo pdoen etsar ttaolmntee mal e idna pdeoras lelo sen pobrleams. Itso é pquore non lmeos cada ltera por si msema sneon pquore a paalbra é un tdoo. Pesornamelnte preaceme icrneilbe…

Código Cero fai anos

A revista dixital sobre novas tecnoloxías Código Cero fixo 2 anos o pasado día da patria. Aínda lin hoxe a nova na súa páxina. A revista naceu hai dous anos, e publican tanto en papel como na rede. Se tedes un intre, facédelle unha visita, é a única publicación seria que coñezo en galego sobre novas tecnoloxías.
Teñen dispoñibles os números anteriores en formato pdf para baixar, e incluso teñen un «top 100″ de páxinas galegas que actualizan cada mes.

Feliz día da patria.

Hoxe é o día da patria galega… persoalmente, creo que este ano podo estar contento, xa que conseguimos poñer a andar, a comezos do 2003, o Proxecto Neo, un proxecto que podería (entre outras cousas) axudar a mellora-lo estado dos diccionarios galegos… se os diccionarios galegos (ou as editoriais que hai detrás deles) se amosasen interesadas). Considero o Proxecto Neo como a miña pequena aportación ó país.

Acabou a escola, comeza o simposio.

Acabou a IV Escuela Internacional de Verano de Terminología.
Creo que en xeral estivo ben. A escola serviu para salienta-los principios básicos da «teoría comunicativa da terminoloxía» (TCT) unha aproximación teórica á Terminoloxía proposta por Teresa Cabré i Castellví. O principal deles é o de adecuación… Pódese resumir do seguinte xeito: todo producto terminolóxico debe ser creado ou avaliado tendo en conta as necesidades de tódalas partes que nel interveñen.
Á parte diso, tiven ocasión de ver que en Galicia hai máis xente interesada na Terminoloxía (saúdos a Susana e Fátima ;-D) da que me pensaba.
Esta semana toca IV Simposio Internacional de Terminología.

Unha lista á parte

Esa podería se-la traducción dun webzine sobre deseño web que está moi ben, A List Apart. Agora que estou pensando nun redeseño desta bitácora, estou buscando novas fontes de información e inspiración.

«Para xente que fai páxinas web» é o subtítulo do webzine. No último número explican cómo facer unha páxina web máis accesible mediante atallos de teclado. Mirando a lista de números publicados, vexo que tratan de todo, XHTML, XML, CSS, Flash, PHP…

Un ataque en toda regra

O final da historia dos servidores piratas no traballo é que polo visto o ataque afectou a toda a rede de onde eu traballo, só na sala de bolseiros na que estou eu hai 12 ordenadores. Na sala de aquí ó lado debe haber outros tantos.
Como o administrador aínda non tivo tempo de reinstala-los equipos, de momento seguirei arrincando a knoppix para ir publicando cousas aquí e mirando os correos.

Servidores piratas

O venres pasado descubrín que o ordenador do traballo tiña montado un servidor ftp pirata. Incrible pero certo.
Nunca me parara a pensar sobre a seguridade do lugar onde traballo, supuña que non corriamos perigo ningún, pero estaba moi equivocado.
En primeiro lugar, aquí onde traballo eu, no IULA os ordenadores teñen o windows 2000 instalado.
O venres o antivirus saltou e avisou de que tiña un virus, o ntrootkit. Púxenme a investigar sobre o virus, e atopei que non se trataba dun virus, senón máis ben dunha ferramenta para gaña-lo control dun ordenador con windows nt/2000/Xp instalado. De feito, hai unha páxina: rootkit.com dende a cal, despois de rexistrarse, un pode descargar unha serie de ferramentas que nos axudarán a gaña-lo control da máquina remota que queremos atacar.
Resumindo un pouco, descubrín que os atacantes instalaran dous servidores ftp piratas, empregando o Serv-U-Daemon, xunto co Firedaemon, unha ferramenta para iniciar programas como servicios de windows NT/2000/Xp.
Para cando me decatara, xa subiran ó meu ordenador dúas pelis porno e uns cantos xogos completos. Alucinante.
Así que agora escribo dende a miña máquina, despois de arrincala coa Knoppix, unha distribución que vai nun Live-CD, un cd que se arrinca el só (despois de cambia-la BIOS) e entra nun escritorio (por defecto en KDE). Coa Knoppix puiden executa-lo nessus (un sistema de auditoría de seguridade) e descubrín que dous ordenadores máis da rede tiñan outros ftps piratas montados.
Así que ata que non me cambien o sistema operativo e teña a certeza de que é seguro, non publicarei dende o ordenador do traballo, ou se o fago, fareino dende a knoppix.

A liña temporal de Internet

Para os que pensen que Internet é algo moi recente, velaí un documento moi interesante:
Hobbes’ Internet Timeline v6.0 en inglés claro. A liña comeza na década de 1950, e o mellor de todo é que enlaza cos documentos «fundacionais», moitos deles teses ou propostas de tese doutoral. Se vos fixades nos acontecementos sinalados no ano 2002, veredes que se menciona o parón de moitas webs españolas pola entrada en vigor da LSSI o día 12 de outubro.
Para o mesmo ano tamén é de salienta-la alianza entre o FBI e Terra Lycos. Vaia medo que meten.

E volta a traballar

Xa está, xa acabaron as vacacións. Sempre queda un con ganas de máis.
Hoxe volvín ó traballo, estou de volta en Barcelona. Comeza a facer calor, o sol pega cada día un chisco máis forte. Por sorte aínda podemos desfrutar do máxico intre do café no patio da cafetería da facultade. Hoxe había pouca xente… o normal dun venres supoño.
Durante as vacacións estiven tentando formatar o Diccionario da Real Academia Galega para poñelo a funcionar co dictd no meu linux. Se o consigo publicarei aquí cómo o fixen, paso por paso, porque non creo que sexa legal poñe-lo diccionario noutro formato para baixar dende a miña páxina. De momento teño que agradecerlle a dr. zippie que me enviase o seu script en php para baixa-lo diccionario. Gracias dr. Zippie.