Sony Ericsson w800i

Con tarxeta de 512mb, mp3, radio fm, bluetooth, infravermellos, mans libres e auriculares incluídos… Agora teño que buscar cómo sincronizar o todo.txt co móbil :-D

Zodiac, o pda para xogar.

Cando comprei o meu primeiro ordenador, era, como todos, para traballar con el… e como a todos, acabei usándoo para xogar.

No nadal pasado comprei a miña axenda electrónica, unha Palm Zire, a máis básica de todas, e ademais de usala para o que se inventou, acabei (coma moitos) meténdolle xogos. Un solitario, o sokoban, un xogo de xadrez…

Agora sae ó mercado unha axenda directamente deseñada para xogar. Trátase da Zodiac, unha axenda consola-de-videoxogos reproductor-de-mp3 visor-de-fotos. Algo incrible. O prezo de lanzamento son case 400 dólares. A ver cándo chega por estes lares e a qué prezos.

Unha caixa mini-itx ben pequena

Botándolle un ollo á páxina da placa mini-itx atopei un dos últimos deseños feitos sobre unha placa destas características: o Bantam pc. Trátase dunha placa cun disco duro de ordenador portátil. Sen cd-rom, e sen fonte de alimentación interna, o deseño ten unhas medidas de 178 mm X 178 mm X 44 mm. Impresionante.

Azul pitufo

Azul pitufo, así é como describiría a nova cor da cpu vella que teño en casa. O venres pasado deume por pintala, así que fun a unha tenda de bricolaxe e comprei un esprai de cor azul por 2€ e volvín a casa coa idea de face-la miña primeira modificación a unha caixa de ordenador.
Despois de desmonta-la tapa da cpu, decateime de que estaría ben tamén pinta-los frontais da gravadora, do cd e da disqueteira. Así que dito e feito, abrinlle as tripas ó equipo e desmonteino completo. Ata saquei a fonte de alimentación. Vaia cantidade de pó que había dentro do equipo. Así que aproveitei para limpar un pouco, por se algún día lle poño unha fiestra nalgún costado. Quedaría moi feo todo cheo de pó por dintro.
Con moita paciencia, apliqueille varias capas de pintura ben finas, para evitar que pingase ou que chorrease a pintura. Se tivese unha cámara eléctrica faríalle unhas fotos, pero non teño.
Quedei bastante contento co resultado, esta cpu será a que use en casa (cando me instale no novo piso) como servidor de rede, e xa estaba aburrido de tanta cor beis debaixo da mesa de traballo. Ah, outra cousa que fixen foi cambiarlle o led indicador de que está encendido. Agora en lugar de un verde ten un azul tirando a lila que brilla moitísimo. Foi unha modificación ben barata, e xeitosiña. A ver se compro un carrete antes de tentar abrirlle unha fiestra nun lateral coa dremmel.

Unha caixa para placas mini-itx.

O ordenador que teño en casa está construído sobre unha placa mini-itx. Como xa comentei algunha vez, ó principio pensara en construír eu mesmo a caixa do ordenador, pero ó final decidín comprar unha xa feita.
O caso é que hoxe descubrín algo curioso na páxina de http://www.mini-itx.com: Un maniquí como ordenador.
Un pc nun maniquí
Impresionante. Trátase dun modelo, supoño que dun personaxe de debuxos animados ou dun cómic, no que se monta unha placa mini-itx. Curioso o detalle de que teña o ventilador entre as pernas.

¿Caixas de cartón?

Mentres estaba montando o meu ordenador (unha placa VIA EPIA, unha mini-itx), aproveitei a caixa de cartón na que viña o DVD/CD-RW como CPU. Tiven alí montadas a placa, o DVD, e o disco duro, xunto coa fonte de alimentación, para ir tirando, mentres resolvía o dilema existencial de se debía facer eu a caixa do ordenador ou comprar unha. Ó final decidín comprar unha xa feita e deixar a caixa de cartón para o recordo. O caso é que hoxe atopei unha páxina web na que venden caixas de cartón para montar ordenadores. Non é broma:

Caixas de cartón

Con 128 megas ó pescozo

Hai un par de días merquei unha memoria usb de 128 mb. É o que moitos dan en chamar un «lapis de memoria». É da empresa Transcend, é un dos JetFlash. Merqueino porque o meu ordenador non ten disqueteira, e xa estaba algo aburrido de andar tostando CDs. Trae unha correa para que un o colgue como colar, así que agora vou con 128 mb ó pescozo :-D. ¿O prezo? Uns módicos 45€ (Que non está nada mal se temos en conta que o mes pasado valían 90€ ;-)).

Estou encantado, basta con enchufalo no USB e listo. O Windows 2000 do traballo recoñéceo sen problemas, e en casa, a Mandrake detéctao no momento en que o enchufo no frontal. É xenial.