Archive for Decembro, 2002

Manifestación Prestige e as noticias

Xoves, Decembro 19th, 2002

Xa publiquei un comentario na lista das Redes Escarlatas sobre o tema, pero vista a actitude dos telexornais, non me podo resistir a comentalo aquí.
O domingo pasado tivo lugar a manifestación da plataforma Nunca Máis de Catalunya. Foi emocionante ver a tanta xente da terra por alí. Cando saiu a manifestación quedei alucinado coa cantidade de periodistas que había por alí cubrindo a nova. Vin a xente de TVE, de CNN+, axencia Efe… e eses eran os que levaban as pegatas nas cámaras e nos micros, porque había moita máis xente tirando fotos, gravando imaxes, parando a xente e preguntándolle cousas…
Tardamos en saír por culpa da prensa, que insistía en facer fotos e entrevistas ós da cabeza da manifestación. Alí había xente de tódalas idades, nenos pequenos levando bandeiras galegas, bandeiras coa estrela vermella, parellas cos seus fillos pequenos, xente maior. Había de todo.
A manifestación baixou dende o centro galego ata o Colón e dende alí ata o Pla del Palau, ó longo do Moll de la Fusta. Non sei canta distancia hai, eu diría que moito máis de 1.000 metros.
Cando chegamos á praza onde lían o manifesto subín na fonte, na mesma fonte que despois sairía nas noticias de T5. Mirei cara atrás e inda saía algunha xente do Colón. Impresionante. Polos altofalantes que alí había, alguén da organización dixo que, segundo os seus datos, asistíramos 50.000 persoas. Leron o manifesto, aplaudimos e berramos coma tolos.
Marchei a casa, e ó chegar puxen as noticias de T5, a ver qué dicían… e dixeron:

“un grupo de jóvenes se manifestó en Barcelona”.

E puxeron unhas imaxes dunha rapaza que levaba un cartel que dicía:

“Estas navidades, turrón de chapapote”

que camiñaba diante da pancarta de cabeza.
Enfocaron un trozo do xentío que alí había (un trozo, é dicir, o xusto, que non se vise toda a xente que alí había). E dixeron que segundo a Guardia Urbana eramos unhas 3.000 persoas, e que segundo a organización había 30.000.
E eu pregúntome, ¿a que están xogando?.
Outra mostra, as noticias de hai dous días, cando rebentaron o coche aquel en Madrid. Estaba vendo de novo T5, á noitiña. Pois ben, ese día só deron 3 noticias: Galicia e o Prestige, o coche bomba rebentado e o asasinato do Guardia Civil, e o tiro que lle meteron no Maremágnum (en Barcelona) a un porteiro de discoteca. Eso si, despois veu a sección de fútbol, perdón, de deportes.
Xogan con nós e nós seguímoslle-lo xogo. O cuarto poder é máis poderoso do que imaxinamos.
Cambiando de tema, sigo co Google bombing, así que:
Prestige: esiximos responsabilidades.
Por certo, non sei cómo o fixen, pero seguindo o enlace da noticia anterior, o de prestige+responsabilidades, esta páxina sae en segundo lugar, por riba da páxina que levan a proposta do bombardeo a Google. Estraño ¿non?.

Quake 3

Luns, Decembro 2nd, 2002