Internet en galego.

Onte levei para casa o artigo de A lingua galega en Internet de Xavier Gómez Guinovart. Para os que non o coñezan, Xavier Gomez Guinovart é profesor de lingüística da universidade de Vigo, onde leva o Seminario de Lingüística Informática.
Lendo o artigo, pareceume interesante a idea de non quedarse co número de páxinas que hai nunha lingua, senón tentar tamén atopa-lo número de páxinas que hai por falante.
Os números que me chamaron a atención:

en galego temos arredor das 100.000 páxinas en Internet.

tócannos a 0,025 páxinas por falante de galego.

Así que, tendo en conta estes números, e pensando que moitos da comunidade blogueira teñen un dominio ou subdominio propio, pregúntome se non serei un privilexiado… ;-)

En todo caso, e tentando ser crítico co artigo, vexo algún problema de fondo, como por exemplo, a definición de «páxina». ¿Entendemos por páxina o que aparece aquí, neste weblog? ¿entendemos por «páxina» a unidade que cataloga un buscador de Internet (para o estudio, Guinovart emprega o buscador alltheweb)? ¿os números devoltos polos buscadores agrupan ou non os resultados por dominios e subdominios?.

Supoño que o empregado é o número que devolve o buscador, sen cuestionar tampouco a calidade dos resultados, e é que facendo unha busca por páxinas en galego, veremos cómo entre os resultados se nos coan páxinas que non estan en galego (en blogaliza discutiuse o problema de cómo saber que a páxina está en galego sen mirar no código, e de cómo facer que os buscadores saiban que a nosa páxina está en galego).

Outra cousa que non se contempla no informe é o caso á parte que representan os blogs, bitácoras, xornais, diarios na rede ou como os queirades chamar (debido, seguramente, á escaseza e pouca información que sobre eles había no momento da elaboración do informe).
Tomemos, por exemplo, o blog de blogaliza. En alltheweb ese blog aparecerá como una «páxina».
Sen embargo, se mirámo-las estatísticas de uso, veremos que nesa «páxina» hai publicados 36 artigos (a día de hoxe) con 133 comentarios en total, e que ten 23 participantes.
Na miña opinión, os blogs deberían ser considerados á parte, e nós, os que nos adicamos ó estudio (cando nos deixan) da lingüística en e para o galego, deberiamos telos moi en conta no futuro como fonte de material lingüístico.

Os comentarios están pechados.