Rolling, rolling and go rolling suzan
Abril 30th, 2007Esta tarde foi unha daquelas para lembrar… ía decidido a probar as miñas últimas adquisicións, a Krystal WW e a Nirvana WW. Pero o vento non acompañou, era demasiado forte para estes dous papaventos, así que da bolsa saíron primeiro a Nirvana STD e logo a Nirvana LW.
A Nirvana STD xa non é tan estándar, cambiáralle as variñas hai uns meses por Icone branco, aínda que lle mantiven a brida estándar. Cun vento suaveciño, lixeiramente racheado e liñas de 40m e 55kg, comecei a sesión notando o moito que “pesa” nas mans a Nirvana coa brida estándar. Inda así, semella máis controlable á hora de tentar facer figuras de precisión, a rutina de sempre: liña recta arriba, curva para abaixo, xiro 90 graos entrando en voo horizontal, algún cadrado, algún rombo, un infinito con ángulos rectos.
O vento acompañaba, o papaventos deixábase así que me animei a tentar o truco que me estaba a fallar este último mes: o rolling suzan. Pasada horizontal, e un rolling suzan. Case no sitio… vaia sorriso que se me puxo
. Pasada horizontal no outro sentido e outro rolling suzan. No sitio (sempre me saen mellor indo para a dereita). Xa que estamos, pasada horizontal, e un rolling, e dous rollings, e tres rollings. O sorriso xa é de orella a orella. De volta, no outro sentido, o mesmo… menos mal que no campo de fútbol abandonado estou eu só, a xente pensaría que estou tolo se me oe rir
.
Foi todo un redescubrimento o da brida estándar. Estaba moi afeito xa á brida do Roger Tessa Gambasi, que tira menos dun, pero tamén é máis aberta e ten un tacto diferente.
A guinda do día foi atoparme que con esta brida os Taz Machines me saen e coa outra non. O dito, pasei a tarde facendo rolling, rollings, rollings… para arriba, para abaixo, en horizontal en diagonal… unha tarde xenial.